Artigo publicado no Faro de Vigo: A ousadía.
Este artigo publicouse este pasado domingo na edición en papel do Faro de Vigo e está dispoñible integramente na súa páxina web xunto a outros artigos de opinión que escribín anteriormente.
É un artigo de opinión que nace do enfado de escoitar como seguimos sumando vítimas mortais de violencia machista e casos de violencia sexual terribles, e con todo, verme obrigada a ter que argumentar con algunhas persoas sobre asuntos banais coma se agora está ben ou non abrirnos a porta ás mulleres. Déixovolo por aquí para que, se vos atopastes en situacións parecidas, saibades que non estades soas. tes en situacións parecidas, saibades que non estades soas. Mesmo cansas, enfadadas e agoradas de discusións absurdas, máis que lles pese, seguimos! Grazas por non deixarme soa nestes carreiros de igualdade.
A ousadía
Hai unha cousa que sempre lle vou a recoñecer aos machistas e é a súa ousadía sen parangón. A ousadía de pretender que dediquemos tempo e esforzo a aliviar os seus malestares. Esta última semana unha serie de polémicas en cadea fixéronme reflexionar sobre o choque de paradigma que están a sufrir algúns homes da nosa sociedade. Non entenden, están confusos, desorientados. Non podemos falar do salón de peiteado da vicepresidenta? Non podemos bicar ás mulleres sen o seu consentimento? Tampouco facer comentarios non solicitados sobre o seu aspecto? É isto unha nova guerra mundial?que pasou co mundo de toda a vida?
Eu tamén me cuestiono, teño tempo para comentar isto? Ter o teño, porque aquí estou. Pero non quero que se nos esqueza, nin que se lles esqueza a eles, que este tempo e esforzo dedicado a facer pedagoxía do disparate, é restado á loita contra unha violencia que non cesa. Esta semana, sen ir máis lonxe, vivimos dous novos asasinatos machistas, a divulgación de imaxes de espidos de adolescentes feitas con intelixencia artificial e a agresión sexual duns menores cara a unha nena de seis anos. A pesar da gravidade destes asuntos, por moi urxentes que nos parezan, constato que hai homes priorizando un debate sobre se aprobamos ou non abrirlle a porta a unha muller.
Canto hastío! Tamén me enfada un pouco, recoñézoo. Porque ocultan coa súa estupidez aos homes que si están preocupados por non ser parte do problema. Distráenme. Réstanme forzas que necesito para acompañar a adolescentes abducidas polo amor romántico. Quítanme tempo de falarlle aos mozos sobre o custo que pagan por “ser un home de verdade”. Tempo que teño que dedicar a aclarar despropósitos, como que non teñen que asinar contratos para non ser acusados falsamente de violación. Podédesvolo crer?
Entendo a estratexia, queren que nos cansemos. Pero advírtovos: cansas, fartas ou hastiadas, nós tamén somos valentes. E temos a ousadía que vos falta, a que nos impulsa a construír un mundo de igualdade para mulleres e homes.