Fai preguntas máis precisas…
“Fai preguntas máis precisas se non queres que che conteste xenéricamente” é unha das frases do momento. Sofia Vergara respondía con esta contundencia a Pablo Motos nunha entrevista. Pero este non é un post sobre esa polémica, iso o deixamos para twitter, agora X, ou ao novo threads. Nós aproveitamos o balbordo de tanto zasca para declararnos fans de Sofia Vergara e contarvos algunhas das preguntas sobre feminismo que afacemos recibir.
Tres preguntas, non sabemos se consideralas moi precisas ou non… que nos expuxeron nas nosas formacións:
O feminismo é o contrario ao machismo?
Contundencia: non, non e non. O feminismo defende a igualdade dos sexos. E agora vén cando nos facemos unha lea: entón o contrario do machismo é o hembrismo. Non tan rápido! O machismo é unha ideoloxía que sostén a superioridade dos homes sobre as mulleres. Promove actitudes e comportamentos discriminatorios baseados no xénero. Maniféstase a través da crenza en estereotipos de xénero ríxidos, a discriminación das mulleres en diversos ámbitos e a xustificación de prácticas e actitudes sexistas. Sobre todo, o machismo é unha realidade que afecta a todas as persoas, sexan mulleres ou homes (aínda que non sexa da mesma maneira). O hembrismo é, sobre todo, unha ficción, porque non existe unha sociedade onde se promova a superioridade das mulleres en todos os ámbitos de poder, ou onde as mulleres maltraten ou asasinen homes polo feito de selo. Afortunadamente non existe un homólogo á sociedade patriarcal que infravalore e discrimine aos homes. E oxalá non existise a necesidade do feminismo! Lamentablemente, aínda é necesario que defendamos a igualdade fronte a opresión e a discriminación contra as mulleres e nenas.
É xusto que haxa leis que favorezan ás mulleres en contra dos homes?
Fronte preguntas como esta: rigor. Non existen leis que favorezan ás mulleres en detrimento dos homes. En todo caso hai leis e políticas públicas que favorecen que as mulleres poidan acceder aos recursos nas mesmas condicións que o fan os homes. Para iso, ás veces é preciso deseñar medidas específicas que faciliten o acceso aos recursos como, por exemplo, as accións formativas dirixidas especificamente ás mulleres ou, outro exemplo, incentivos para as empresas que contratan mulleres en sectores masculinizados. É preciso lembrar que estas medidas non favorecen ás mulleres, senón á sociedade no seu conxunto. O feminismo non é unha batalla dos sexos, pola contra, implica o avance e o progreso de toda a cidadanía. Lembra, mulleres e homes benefícianse de non desaproveitar a metade do talento.
É verdade que se un home pégalle a unha muller vai á cárcere pero se unha muller pégalle un home non ocorre nada?
É inaudito o estendido que está este bulo, case sorprende que as mulleres non esteamos a facer uso deste suposto dereito constitucional a agredir libremente. Será porque é absolutamente falso? Agredir a calquera persoa é un delito, o que ditamina que acabes no calabozo ou non é a Lei de Axuizamento Criminal, que non dá vía libre ás mulleres para agredir. Existen mulleres violentas, do mesmo xeito que existen homes violentos, pero tamén existen delitos específicos como os delitos de odio, as agresións lgbtifóbicas ou, máis relacionado coa igualdade de xénero, os casos de violencia machista. Tipificar un delito non significa que os demais sexan menos graves ou non estean castigados, simplemente aténdese á natureza distinta dunhas agresións fronte a outras. Mozas, sentímolo, pero non hai barra libre para repartir tortazos!
Esperamos ter achegado algo de luz fronte aos falsos mitos. Agora busca á Sofia Vergara que hai en ti e responde secamente sempre que o consideres necesario.
Sigamos en contacto!
Gustouche esta entrada no blogue? Se queres cóntanos o que che pareceu a través dalgunhas das nosas redes. Tamén podes subscribirche á nosa newsletter e manterche ao tanto da actualidade. Esperamos ter sumado.
Apertas prismáticas!