Feitos non palabras. Coeducar para transformar 

Tempo de lectura: 4 minutos
Hechos, no palabras. Coeducar para transformar. Universidad La Rioja.

Feitos non palabras. Coeducar para transformar.

Así foi o título da intervención que esta fin de semana presentei na Universidade da Rioxa. Parafraseando a Emmeline Pankhurst e adaptándoa para falar da coeducación e a súa capacidade transformadora, puxen rumbo á Rioxa.

Redes coeducativas en Logroño

Ata Logroño cheguei para participar no Curso “A educación con enfoque de dereitos humanos: a coeducación como proposta educativa”. Alí reuníronse expertas de todo o estado para xerar redes coeducativas e compartir o desafío de combater o machismo e o sexismo nas aulas.

A miña participación estivo precedida da intervención dunha referente da coeducación como Marian Moreno Llaneza e seguida das intervencións de dúas pioneiras como Amelia Valcárcel e Amparo Tomé. Ademais, pechamos o curso cun relatorio sobre masculinidades de Lionel S. Delgado. Irei compartindo os meus apuntamentos en canto poña un pouco de orde e revise algúns libros que me comprei (comprar libros e non ter tempo de lelos is my passion).

Aínda que non puiden escoitar ás relatoras do venres, cónstame, polos comentarios escoitados o sábado, que foron dunha calidade inmensa. Rexoubade nos contidos do Curso se tedes interese. É o que farei eu en canto teña unhas horas!

Catro apuntes, catro conferenciantes de luxo

Déixovos algunhas breves reflexións que tiveron lugar o sábado:

“A coeducación ten que atravesar todo, da conserxería á Consellería. A igualdade non se pode reducir a traballo dos días “por non”, é dicir “por non dar clase”, como os previos ás vacacións de nadal ou semana santa, nin tampouco o 25N ou o 8M. A coeducación ten que estar presente todo o tempo.” (Marian Moreno Llaneza)

“Debemos afrontar a coeducación con mentalidade de calma, de paciencia, porque as reflexións non son fáciles de facer cando toda a vida normalizamos a violencia, o sexismo, o valor do masculino fronte ao feminino ou as formas xerárquicas de relacionármonos.” (Amparo Tomé)

“O feminismo é consustancial á democracia. Cando unha democracia exclúe á metade da súa poboación non está a ser unha democracia.” (Amelia Valcárcel)

“Non está a funcionar o enfrontar ao alumnado masculino adolescente a datos e argumentos racionais. As ideas sexistas hai que combatelas tamén, e fundamentalmente, a través do traballo coas súas emocións.” (Lionel S. Delgado)

Comparto estas ideas que considero acertadísimas e empezo a traballar para que continúen véndose reflectidas no traballo de Prisma. En canto á miña intervención Feitos non palabras. Coeducar para transformar xa vos compartirei un breve resumo, pero basicamente presumín de Comando e de profesorado e alumnado que transforma as palabras nos feitos que demostran que a igualdade pode ser unha realidade.

Seguimos!

Con estes apuntamentos e a seguridade de que hai que seguir aprendendo para poder seguir ensinando, continuamos esta semana onde vos contaremos máis sobre Emmeline Pankhurst e a cita que dá nome a esta entrada no “Curso de Teoría Crítica Feminista” do Concello de Vigo.

Dedicamos tempo a deseñar as formacións con alumnado, profesorado e familias que veñen en outubro e novembro. Iremos compartindo que nos contan nas aulas! De momento sabemos que non faltarán hackers,xincanas e caixas de correos vermellas.

Tamén temos algún proxecto entre mans que inclúen traballar con outras emprendedoras majísimas, ademais de creativas e profesionais. Iremos contando, morremos de ganas, pero todo o mundo atento a este 25N.

Por último, este venres estaremos na Morada grazas á asociación As dá Industria. Imparto alí unha charla-taller que xa tivemos ocasión de estrear hai dúas semanas nas Xornadas “Artellando feminismos” da Asociación Cultural Vila de Bouzas e que nos deixou unhas aprendizaxes preciosas. Repetimos esta semana e lembramos que é gratuíto, ademais de chulísimo, así que non o dubidedes e vide falar de sexualidade desde outro Prisma. Agardaremos por vós!

Aperta prismática,

Pode que te interese...

Culpa miña

Culpa miña Fai unhas semanas a periodista Carla B. Mañas contactou conmigo

Suscríbete á nosa newsletter para estar ao día das novidades prismáticas!