Machismo Game Over é unha formación pensada para revisar os roles sexistas e construir unha mirada coeducativa e igualitaria que loite polo bo trato e contra a discriminación. Dado que a construción da feminidade e da masculinidade é unha empresa colectiva, a escola constitúe un espazo de incalculable valor para que nenas e nenos configuren a súa identidade persoal libres de estereotipos de xénero. A través da metáfora do videoxogo imos alentar ao noso alumnado para avanzar a través de diversos niveis de xogo ata acabar colectivamente co machismo. O obxectivo, poder afirmar conxuntamente: Machismo Game Over!
Gañar a igualdade, pasar de nivel
Co apoio das facilitadoras, dende agora Game Masters, o alumnado irá pasando de niveis ata gañar a igualdade e exclamar conxuntamente “Machismo Game Over”
- Nivel 1: Tutorial + Nickname. Como na maioría dos videoxogos, empezamos coa dificultade baixa e escollendo o noso nome clave. Aproveitamos para escoller atributos e de paso traballar a autoestima, o autoconcepto e reflexionar sobre a construción do xénero. A dificultade tal vez non era tan baixa como cabría esperar…
- Nivel 2: Detecta o estereotipo. Neste nivel veremos como de graduadas están as lentes violetas da clase. Pasaremos por unha proba de detección de estereotipos sexistas. As clases máis experimentadas ata se atreven co bonus de pensar en alternativas igualitarias para eses estereotipos.
- Nivel 3: Desinstalación do machismo. Nesta proba ponse a proba o espírito de traballo en equipo da clase, a imaxinación e a creatividade, para crear o seu propio relato lonxe de lugares comúns.
- Nivel 4: Instalación da igualdade. Un dos niveis máis difíciles, porque nos obriga a identificar situacións de discriminación no noso día a día. Ademais, temos que propoñer solucións prácticas que xeren cambio real nas nosas vidas.
- Nivel 5: EndGame. Para superar o machismo fai falta o compromiso unánime e o traballo colectivo, unha vez alcanzados estes obxectivos nada nos impide dicir cunha soa voz: Machismo Game Over!
Metodoloxía
A metodoloxía da formación presencial é activa participativa e demostrativo explicativa. O noso rol como docentes-formadoras e guías da acción formativa é utilizar os medios didácticos necesarios para transmitir os conceptos teóricos e a práctica correspondente para asimilar os contidos. A participación do grupo e a súa implicación activa nas actividades propostas é imprescindible, polo que velamos polo desenvolvemento dunha boa comunicación entre o grupo. Utilizamos pautas de dinamismo, aprendizaxe cooperativa e interacción para favorecer a interiorización de conceptos.
Conciencia crítica e posicionamientos críticos
Machismo Game Over impartiuse en decenas de centros educativos desde 2019, adaptándose aos distintos niveis, para poder interpelar ao alumnado en función das súas referencias. O obxectivo é fomentar no grupo unha conciencia crítica, animando a adquirir posicionamientos críticos e aportando referentes de transformación social. As sesións duran un mínimo de 100 minutos ininterrompidos e pódense desenvolver no espazo da aula.
Sigamos en contacto!
Lembra que na nosa área de servizos podes atopar máis detalles sobre como concebimos desde Prisma a formación. Non dubides en escribirnos con calquera pregunta!