Que esconde a brecha salarial de xénero 

Tempo de lectura: 4 minutos

«Igual salario por igual traballo» foi unha das principais demandas históricas do feminismo. É posible crer que, actualmente, esta proclama está obsoleta. Mais, realmente o está? A que se refire entón a «brecha salarial de xénero»? Neste artigo tentamos dar un pouco de luz a estas preguntas.

Seguro que vos atopastes con diferentes cifras que representan a brecha salarial de xénero, isto débese a que existen diferentes formas de calculala (cálculo anual, mensual, por hora, etc.). O importante é que, independentemente de como se calcule, o resultado sempre mostra unha desigualdade salarial entre mulleres e homes.

Á vez, hai quen dubida de que este feito teña relación coa desigualdade de xénero, atribuíndoo a situacións e casuísticas particulares. Vexamos como funciona empregando tres crenzas moi estendidas.

As empresas non pagan menos ás mulleres que aos homes por ser mulleres

O certo é que nós tampouco nos imaxinamos ás empresas establecendo un salario basee diferente ás persoas en función do seu sexo. Entón, que está a pasar?

En ocasións, atopámonos con postos distintos con diferente salario base, pero que teñen un igual valor, é dicir, tarefas e responsabilidades similares. Por que acontece isto? Moi simple: de forma inconsciente outorgamos maior valoración (o que se traduce nun maior salario) a aquelas tarefas e traballos desempeñados tradicionalmente por homes ou asociados con características “masculinas”. Con exemplos vese mellor:

A categoría profesional «camareira de piso» cobrou tradicionalmente menos que a categoría «camareiro de barra»; «envasadoras» fronte a «mozos de almacén». Diversas sentencias de tribunais demostran esta situación.

Aínda así, sorpresa! tamén nos podemos atopar con postos iguais nos que elas cobran menos. Un motivo pode ser a valoración dos complementos salariais. Cando estes outórganse en función da dispoñibilidade, a asistencia, a posibilidade de viaxar etc., penalízase a quen se acolle aos permisos e excedencias relativos á conciliación (que son en ampla maioría as mulleres).

Por tanto, disto non nos libra nin a aplicación do convenio colectivo!

As mulleres cobran menos porque traballan menos horas

Se sostemos esta xustificación acríticamente, estamos a aceptar que as mulleres son as responsables dos coidados e tarefas domésticas. Perdoade que o digamos así, pero esta é unha das trampas máis vellas do patriarcado e atopa a súa orixe en creenzas e mandatos profundamente arraigados.

Poderiamos desenvolver que o acceso e participación no mercado laboral organízase baixo a asunción de que as persoas somos seres absolutamente independentes sen necesidades de coidados. Pero hoxe centrámonos en que son as mulleres as que se acollen ás medidas de conciliación e ás xornadas parciais e ver que sucede con isto.

Dos contratos a tempo parcial en España (según datos da enquisa de poboación activa de 2023,EPA) un 73% pertencían a mulleres fronte ao 27% de homes. Se o cruzamos cos datos da última enquisa do INE sobre o uso do tempo (2010), as mulleres dedican unhas 4,5 horas ao día a tarefas de coidado e fogar, fronte ás 2,5 horas dos homes. Bueno, pódese explicar de distintas formas, pero todas lévannos á mesma resposta: corresponsabilidade.

As mulleres elixen sectores historicamente peor pagados

Esta afirmación dá entender que a brecha salarial de xénero é consecuencia da libre elección das mulleres. Ben é sabido que a interiorización de estereotipos de xénero desde a infancia resulta, por exemplo, nunha infrarrepresentación das mulleres nalgúns campos e viceversa.

Pero tamén preguntémonos por que, xustamente, os sectores feminizados son os historicamente peor pagados. Non sei que pensades, pero nós sempre que vemos estas relacións aplicamos a sospeita.

Chamamos a reflexionar sobre o valor social e, por tanto, económico que damos aos diversos empregos. Parecía que a pandemia nos conduciría a un cambio de valores ao mostrarnos aqueles traballos (remunerados e non remunerados) que non podían parar, que sostiñan todo o demais. Xa sabemos como acabou esta historia.

Que vos parece?

«Igual salario por igual traballo» é unha demanda obsoleta ou non. Esperamos as vosas reflexións!

Apertas prismáticas!

Pode que te interese...

Culpa miña

Culpa miña Fai unhas semanas a periodista Carla B. Mañas contactou conmigo

Suscríbete á nosa newsletter para estar ao día das novidades prismáticas!