Unha crise de valores e o ecofeminismo 

Tempo de lectura: 5 minutos

Nunha sociedade dirixida polo tempo, en Prisma somos resistencia e vivimos alleas a el… Bueno, en realidade non, iso é só o que nos contamos. O certo é que non por ser unhas rebeldes senón por todo o contrario, en 2023 non atopamos o tempo para mencionar unha noticia sobre a crise de valores que se fixo eco e coa que hoxe vos achegamos a un tema que nos gusta moito: o ecofeminismo. E así enlazamos xa con algúns nomes moi relevantes con motivo do día internacional da muller e da nena na ciencia. Como vedes, quédanos un artigo redondiño.

A noticia

A noticia en cuestión versaba sobre unha investigación científica de talla internacional impulsada por un grupo español e a cal os medios resumían nestes titulares:

«A infravaloración da natureza é a base da crise climática»

«A ciencia demostra que a crise de valores destrúe a natureza»

Esta investigación que recibiu tanta atención dos principais medios foi publicada na revista Nature e, seguramente, o segundo explica o primeiro.

Por unha banda, alegrámonos de que este tipo de conclusións sexan noticia. Con todo, este tema da crise de valores lémbranos demasiado ás formulacións das pensadoras e activistas ecofeministas que, desde a década dos 70 e desde todos os puntos xeográficos (Norte e Sur Global), expoñen que a raíz do problema é a forma na que o ser humano se relaciona coa natureza; e, máis concretamente, os valores sobre os que se constrúe esta relación. Pero imos explicalo un pouquiño mellor.

Da ecoloxía ao feminismo e viceversa

Alá entre os 60 e 70 do século pasado, a preocupación pola contaminación levou ao auxe dos movementos ecoloxistas. Foi, precisamente, a publicación en 1962 da obra «La primavera silenciosa», da escritora e bióloga mariña Rachel Carson (xusto a muller que aparece na fotografía desta entrada), a que espertou a conciencia ecolóxica como movemento de masas. O revolucionario da súa achega foi identificar e sinalar como as accións humanas teñen consecuencias sobre a natureza. Pero tamén como poden chegar a ser un risco para a propia saúde e vida humanas. Animámosvos a buscar e ler máis sobre esta científica tan relevante!

Paralelamente, o movemento feminista tamén se atopaba nun periodo de auxe como foi a terceira onda. Estaba ocupado, precisamente, en sinalar o androcentrismo (a visión do mundo que sitúa ao varón como sinónimo de ser humano) presente en todos os ámbitos da sociedade e do coñecemento, incluida a ciencia. Por tanto, iso que desde Occidente consideramos que é pura obxectividade, pois igual non o era tanto.

Aquelas mulleres que integraron na súa teoría e práctica tanto o feminismo como o ecoloxismo, déronse conta de que a forma na que o ser humano se relacionaba coa natureza parecíase demasiado aos sistemas de dominación – opresión xa coñecidos como o patriarcado, a escravitude ou o colonialismo. Apropiarse da natureza, colonizala e explotala, coma se esta existise só para servirlle, ignorando a súa dependencia con ela. Algunhas teóricas expoñen que isto é resultado da infravaloración histórica daqueles elementos considerados como «femininos»: os lazos afectivos, a compasión, o corpo…

O cambio de valores que o feminismo leva décadas demandando

Aínda que existen diferentes correntes, en xeral, o ecofeminismo defende que a única forma de lograr a «sustentabilidade» que asegure a vida humana na Terra e que esa vida sexa digna para todas, é superando eses sistemas a través dun profundo cambio de valores.

«Xa é hora de que os científicos investiguen a crise de valores da nosa sociedade occidental, moitos provenientes da Vella Europa, porque afecta ás outras. Hai que recuperar valores, como o dos coidados, a xustiza, a cooperación», comentaba o titular da investigación.

Pois xa se estaba facendo. Aínda así, non queremos centrar o debate en quen o pensou primeiro, senón que o que debemos facer hacer é preguntarnos por que esta é a investigación que se difundiu entre os xornais, a comunidade científica e as contas de divulgación; e por que estes mesmos postulados das teorías ecofeministas non. O certo é que requiren dunha revisión máis profunda que aquela de «o capitalismo destrutor da natureza» sinalando tamén ao patriarcado entre outros sistemas. Algo que aínda incomoda.

Por onde seguir investigando

Aproveitamos para compartir algúns nomes de mulleres científicas que están relacionadas tamén con esta corrente como son: Vandana Shiva (doutora en ciencias físicas, activista e ecoloxista) gañadora do Premio Nobel Alternativo ou Wangari Maathai (bióloga, política e ecoloxista) e que recibiu o Premio Nobel da Paz.

Para aquelas persoas que chegásedes ata aquí (que ten o seu mérito) e desexedes profundar, deixámosvos algunhas recomendacións!

Entrevista a Yayo Herrero, a referenta. Escoitádea, lédea. É excepcional.
“Claves ecofeministas” de Alicia Puleo.
“Ecofeminismo y decrecimiento” de Victoria Aragón
“Quién le hacía la cena a Adam Smith” de Katrine Marçal
“Manifiesto para una Democracia de la Tierra” de Vandana Shiva

E, como non, tamén vos recomendamos apuntaros ao noso curso de Introdución á Teoría Crítica Feminista onde nos paramos un pouquiño máis a explicar esta apaixonante corrente.

Esperámosvos alí!

Apertas prismáticas!

Pode que te interese...

Culpa miña

Culpa miña Fai unhas semanas a periodista Carla B. Mañas contactou conmigo

Suscríbete á nosa newsletter para estar ao día das novidades prismáticas!